viernes, 6 de febrero de 2015

"A viaxe de Gagarin" de Agustín Fernández Paz, vindeira lectura do club

A nosa próxima lectura é:

"A viaxe de Gagarin"

de Agustín Fernández Paz
Edicións Xerais de Galicia. 2014

Xuntarémonos para comentalo o martes 14 de abril de 15:15 a 16:00 h.
Continuaremos o coloquio o martes 28 de abril de 15:15 a 16:00 h.



Sinopse:

Doce de abril de 1961: o cosmonauta Iuri Gagarin convértese no primeiro ser humano en viaxar ao espazo exterior. Comezaba a era espacial, e tamén unha década que traería grandes cambios. Cincuenta anos despois, Miguel Mendiguren, un home na fronteira dos sesenta anos, mentres vela os días derradeiros da súa nai nun cuarto de hospital, lembra a proeza do cosmonauta ruso. Daquela el tiña dez anos e gañara un concurso escolar de redacción cun traballo sobre esa primeira viaxe espacial. A raíz diso, os outros nenos pasan a chamarlle Gagarin, un sobrenome que o acompañará durante toda a súa infancia e adolescencia. Mentres se apaga a vida da nai, Miguel lembra os seus anos mozos, na Coruña da década dos sesenta. Os seus rexentan unha imprenta e unha libraría de barrio, aparentan ser unha familia coma as outras. Mais esconden perigosos segredos que Miguel irá desvelando a medida que se abre á complexidade da vida. Unha vida na España desa época, coa ditadura de Franco e a represión das liberdades máis básicas, coa ameaza permanente da Brigada Político Social, a policía secreta do Réxime. E tamén coa oposición clandestina, barreira imprescindible contra a barbarie. Naquel tempo de mocidade, Miguel tamén experimenta a revolución interior que supón namorarse. O arrebato da paixón e a dor da ausencia, nunha relación marcada polas diferenzas de clase. Emocionante historia de amor, engaiolante novela de formación e da memoria, A viaxe de Gagarin confirma a Agustín Fernández Paz como mestre da narrativa do noso tempo.

Fonte: Edicións Xerais de Galicia



Dispoñemos na biblioteca escolar dun exemplar da obra.

1 comentarios:

Ana S dijo...

Hoxe é o Día do Libro!! Sabiades que as súas orixes están en Valencia e dalí chegou ao resto do mundo? No meu blog publiquei un artigo que pode ser do voso interese. Historia do Día do Libro e Sant Jordi :) ás doce deste mediodía publicarase outro artigo desta vez máis persoal sobre a maxia de ler.

Os libros fannos libres!! Bo día a todos e a todas.

https://orastroquedeixamos.wordpress.com/2015/04/23/23-de-abril-dia-del-libro/

Publicar un comentario